12Set
2015
0

Sobre a privacidade

Esta páxina web pretende ser unha ferramenta que facilite o contacto dos ámbitos escolar e familiar. Serve para arquivar algúns dos traballos que iremos facendo na aula usando novas tecnoloxías e, ao mesmo tempo, para que as familias teñades a posibilidade de acceder aos traballos dos pequenos e poder revisalos con eles.

A privacidade é un asunto a ter moi en conta cando se publican contidos na web, especialmente cando traballamos con contidos que afectan aos datos persoais dos nenos. É por iso que imos tentar tratalo con seriedade, mais tratando de non obsesionarnos co asunto, para que a ferramenta sexa operativa.

A única información persoal susceptible de protección que imos publicar son algunhas fotografías e videos dos nenos participando en actividades escolares, sempre e cando teñamos autorización previa por escrito dos pais ou titores legais.

Para conseguir unha maior privacidade, implantamos diferentes medidas de seguranza (protección de ficheiros, restricción de acceso desde fóra de España, etc.) para evitar ataques e accesos non desexados aos contidos.

Por exemplo, este sitio web non incentiva a incorporación en motores de busca e está configurado para impedir que os robots de indexado accedan aos contidos. Isto significa que, se todo funciona, isto non vai saír en Google.

No referente aos contidos que afectan directamente a imaxe persoal dos pequenos, estamos considerando protexer as publicacións mediante o acceso cun contrasinal que só será comunicado ás familias dos alumnos e alumnas. Tratándose de actividades colectivas é difícil fiar máis fino en aspectos de privacidade.

Aceptamos suxestións pola vosa parte, que serán tomadas en conta antes de facer ningunha publicación de imaxes dos nenos.

Graciñas pola vosa atención.

Sen comentarios

Responder