14Feb
2016
0

Folio xiratorio

Neste curso, varios mestres do centro, estamos realizando un curso sobre a Aprendizaxe cooperativa. Algo que levo un par de anos traballando, pero por libre, sen máis información que a que vou recadando eu na rede ou con mestres/as amigos. Innovar non é fácil, pero si moi gratificante, pois os alumnos e eu aprendemos xuntos, e todos e cada un nos saímos beneficiados. Así que este ano vou seguindo as indicacións do mestre encargado, Jose Ramón Lago, da Universidade de Vic. E estamos totalmente inmersos, de feito, levamos cos mesmos grupos na aula dende o primeiro mes de cole, xa nos coñecemos mellor, sabemos das nosas virtudes e defectos, e intentamos complementarnos, pois nisto consiste. Unha vez escoitei unha frase moi bonita que é perfecta para definir este tipo de metodoloxía: “ Se queres chegar rápido, vai só. Pero se queres chegar lonxe faino en equipo.”

O que vedes nestas fotos é unha estrutura cooperativa, chámase: Folio xiratorio. Consiste en que se encarga unha tarefa en equipo. Un membro do grupo comeza a escribir no folio, e pásao ao seguinte seguindo a dirección das agullas do reloxo. Realízase así sucesivamente ata que todos os membros do equipo participen. Os demais membros, deben estar atentos para corrixir, axudar ao compañeiro que está a realizar a súa achega, posto que todos son responsables da produción final do traballo. Neste caso consistía en cubrir a táboa do cen e despois repasar, decena en vermello, unidades en azul. Moi gratificante, e podedes ver claramente, como aportan ideas, se corrixen, chegan ao consenso…

Sen comentarios

Responder