PASOS NA SUMA ABN EN REJILLA
No algoritmo ABN non existen as levadas, nin hai que preocuparse pola colocación das cifras. Na suma ABN sumamos cantidades, non cifras. Por iso moitos nenos e nenas cando ven a rejilla por primeira vez non entenden por que hai que anotar os resultados parciais dunha operación se son capaces de resolvela mentalmente. Ben, para quitarlles a “angustia” de “eu sei o resultado” o primeiro que facemos é calcular mentalmente, e coa rejilla comprobamos. Non todas as operacións de suma podemos facelas mentalmente, polo menos de momento. Por iso a rejilla é o paso seguinte para operacións máis difíciles. Pero hai que comezar aos poucos.
No que sería a tradicional suma con levada é preferible comezar sumando decenas incompletas máis unidades. Neste caso hai que buscar o amigo para formar unha nova decena e logo engádense as unidades restantes.
Posteriormente pásase a sumar decenas incompletas máis decenas incompletas. Como criterio xeral:
-Rodeamos a cantidade maior, onde imos acumular, e pomos unha frecha da cantidade menor á maior. É un recordo visual de cara a onde hai que mover os palillos de dentes.
-Poñemos os palillos de dentes en dúas bandexas: a cantidade maior na primeira bandexa e a cantidade menor na segunda bandexa.
-Primeiro pasamos as decenas.
-Buscamos o amigo das unidades da cantidade maior.
-Pasamos o amigo da cantidade menor (os palillos de dentes que representan o amigo) á cantidade maior e formamos unha nova decena.
-Pasamos as unidades restantes.
Este é un criterio para dar unha orde e seguridade a aqueles nenos/as que se perden ao principio e non acaban de comprender que hai que facer.
Pero pódese facer empezando polas unidades. Hai nenos que non necesitan rodear o número maior. Saben perfectamente o que teñen que facer. Saben o resultado mentalmente, só que lles obrigo a que representen a súa estratexia de cálculo.
Outros nenos/as pasan primeiramente as decenas, pero non busca o amigo. O seu cálculo mental é bo, e prefiren non entreterse. Só hai que permitilo cando saibamos de certo que o neno/a sabe que está a formar unha nova decena, cando saibamos que mentalmente son capaces de facelo.