AS LINGUAS E MONTESSORI!
Esta é unha entrada para as familias. Para explicar un pouquiño mellor como traballamos as linguas.
Supoño que moitos de vos, sabedes que aínda que estudei maxisterio por primaria, comecei a miña andadura na infantil. Alí tiven a sorte de caer con outros mestres que me empaparon do ensino por proxectos, de basear o ensino na curiosidade dos nen@s, de non parar de aprender e manterme actualizada (na medida do posible, ogallá puidera estar máis). O caso é que un día suprimiron a miña praza e pasei a ser mestra de primaria. Non me gustou o que vin, eu quería estender ese ensino que eu levaba a cabo en infantil á primaria, así que pasei os primeiros tempos, lendo, investigando, formándome para que este novo alumnado aprendera curioso, motivado e tendo moi claro o que fan.
Así puxen en práctica moitas cousas, todas documentadas, contrastadas e levadas á practica por moito outro profesorado antes ca min. Unha de esas é a gramática Montessori. Nela cada palabra ten un símbolo xeométrico, dunha cor e dun tamaño. Polo momento só aprenderon o artigo e o nome ou substantivo. Pero neste trimestre veremos o adxectivo e o verbo tamén. O que buscamos é que o alumnado asocie o tipo de palabra a unha figura. Logo poderemos realizar múltiples actividades en base a isto.
A coherencia na escrita é algo que teñen que traballar e interiorizar en 1º e 2º para ter unha boa base. Moitas veces a cabeza pensa moi rápido cando queremos contar algo, pero é ben diferente poñelo por escrito. Por iso comezo por frases moi curtas, para asegurar a súa coherencia, que relean e comproben se está correcta, se ten sentido, se era iso o que realmente querían transmitir. Pero é imprescindible revisar tamén a ortografía; primeiro comproban se poñen a maiúscula e logo se ao finalizar puxeron un punto. Se somos máis hábiles podemos realizar tres frases a modo de conto: principio – nó – desenlace.
Veredes que hai días que mando repasar frases, ou maiúsculas… por oral. Realmente quero comprobar se aplican o que van aprendendo, para min é suficiente escoitar a súa frase. Eu comprobo se é coherente e logo cun par de preguntas, como por exemplo: Con que comeza?, Como remata?; con esta información eu xa sei ata onde chegamos, como está interiorizado. Logo na aula repetiremos en miles de ocasións exercicios similares, máis ou menos complexos.
Por último, entraremos co trazo, ogallá todos tivésemos letra de libro, pero o certo é que só unha parte do alumnado consigue esa caligrafía. Eu confórmome con que sexa lexible (pero non só por min, senón tamén por outro compañeir@), en moitas ocasións corrixiranse entre eles (é posible que ao comezo se incomoden, pero pouco a pouco aceptarán a crítica construtiva).
O caderno é algo que lles custa, non están afeitos, pero cada vez o realizan mellor. Cústalles escribir ao lado do tren e colocar as letras nos cadros. Recordar que separamos os exercicios por raía dúas cruces raía (ou o que desexen, pero temos que separar). Non deixar anacos ou follas baleiras… Pero pouco a pouco o dominarán. Coido que é algo moi necesario. As fichas son moi cómodas, pero necesitan realizar máis exercicios dentro dun caderno, aprender a coidalo e organizarse no seu espazo. Como lles digo a eles, para aprender hai que errar, na próxima xa o farás mellor. Así que equivocarse non é malo!
Comparto algunhas fotos e ligazón que podedes mirar para profundizar en todo o que vos acabo de comentar. Podes clicar para abrilas.
Sólidos gramaticales Montessori